A cultura pode ser considerada un dos motores máis importantes da evolución social do ser humano, pero vai acompañada dunha forza de fricción que frea ou incluso pode chegar a parar dita máquina de evolución.
Cando se realiza unha obra ou se ten unha idea, o primeiro que se pensa é en compartila. É algo natural e espontáneo. De que serviría dito traballo se non é coñecido? Primeiro cun grupo reducido de persoas de confianza, por exemplo, para ver as críticas ou defectos que ao mellor non se percibiran antes. Entón, revísase o traballo e fanse, ou non, cambios nel, poñendo así o punto e final ao material creado.
Una vez feito isto, compártese e dáselle a coñecer á opinión pública sen máis?, sóbese á rede para que todo o mundo o poida gozar? distribúese e deixase que se copie e modifique para así dar lugar a un material máis complexo e enriquecedor?… ou pénsase en como protexer dito material para que ninguén poida sacar beneficio agás o creador ou creadora?
A maioría das veces pénsase nesta última cuestión, xa que a vontade xeral non é a de que o traballo realizado sexa coñecido, senón a de que este traballo sexa recoñecido. Pero non recoñecido no sentido de acompañar dita obra cun nome, xa que se fora este o motivo non habería impedimento en compartir o material sen máis. Cantas veces non se terá preguntado polo nome do autor ou autora de tal idea ou traballo coa vontade de coñecer a dita persoa e as súas demais creacións?
Cando digo recoñecido refírome a un recoñecemento económico, é dicir, a unha compensación material. O autor ou autora dunha obra ou idea considera habitualmente que a sociedade ten que recoñecer o seu labor e esforzo. É algo lóxico se o pensamos. Unha persoa dedica esforzo, tempo e saúde na realización dun algo do que logo outras persoas que non fixeron tales tarefas se van aproveitar? Parece totalmente inxusto, non si?
Deseño do autor a partir de deseños de VaGla e RaySys
“Na realización das obras empreganse ferramentas e teorías que outras persoas
elaboraron previamente. Non significa isto que a esas persoas corresponderialles unha parte da túa compensación material?”
Pois atendendo a este razoamento, e facendo por bandeira esta causa xusta, eu digo algo máis: acaso na realización de tal obra ou no desenvolvemento de tal idea non empregaches ferramentas e teorías que outras persoas elaboraron de xeito previo? Entón, non significa iso que unha porcentaxe da túa compensación material froito do recoñecemento da sociedade correspóndelle de forma lexítima a esas persoas que coma ti son autoras de tales obras e ideas?
É aquí onde cae polo seu propio peso a argumentación do recoñecemento material das ideas e obras, xa que é imposible cuantificar en que medida as ferramentas e teorías influíron na elaboración da obra ou idea en cuestión. Isto é así porque cada idea, teoría, obxecto ou creación en xeral é froito do traballo intelectual e físico realizado no pasado e
no presente.
Así pois, a forza de fricción que antes mencionei non era outra que a propiedade, que se interpón na creación cultural antepoñendo o recoñecemento material ao recoñecemento nominal e ao impulso natural de compartir as creacións.
Pero necesítase o recoñecemento material para poder comer, para poder vivir, poderá dicir algún autor ou autora que estea a ler isto. Pois ben, permítanme dicir que igual que pasa coas creacións culturais, nas creacións de calquera obxecto ou produto está implicado o traballo individual e colectivo das xeracións actuais e precedentes e, polo tanto, é imposible cuantificar a contribución individual e, daquela, asignar un salario.
“Coas creacións culturais, coma calquera outro obxecto, está implicado o traballo das xeracións actuais e precedentes; é, polo tanto, imposible cuantificar a
contribución individual e, daquela, asignar un salario.”
Pero se actualmente vivimos cun sistema económico baseado na compensación salarial e o recoñecemento da propiedade das persoas sobre os obxectos e ideas que “crearon”, ten sentido reivindicar unha libre distribución e modificación do material creado? Ten sentido subir á rede unha creación sen a protexer? Ten algún sentido reivindicar a libre cultura nunha sociedade baseada neses principios?
Si, porque defender a libre cultura é defender un modelo de sociedade no que o ser humano non é escravo nin da propiedade nin da compensación salarial. É a loita contra un sistema que supedita a cultura á economía no canto de ser esta unha fonte de riqueza social. A defensa dunha cultura libre é a defensa dunha sociedade libre.
Autoría Fou