A discriminacións ás persoas migrantes no acceso a RISGA

Ningunha persoa sen dereitos!
Foi un dos berros máis repetidos na mañá do 11 de novembro na concentración ás portas da delegación da Xunta de Galiza en Vigo.
Con este acto convocado polo Foro Galego de Inmigración (FGI), a Oficina de Dereitos Sociais de Coia e o Grupo de Axitación Social queriamos denunciar a discriminación que sofren as persoas migrantes comunitarias no acceso á RISGA.

“No labirinto institucional e burocrático atopamos múltiples fronteiras e altas doses de racismo e xenofobia”

As restricións e as vulneracións de dereitos ás que están sometidas as persoas migrantes van moito mais alá das actuacións que de cando en vez saltan á primeira plana dos medios de comunicación: devolucións en quente, redadas, deportacións masivas… No labirinto institucional e burocrático tamén atopamos múltiplas fronteiras e altas doses de racismo e xenofobia.

wally gobetzFoto: Willy Gobetz

Preto do medio centenar de persoas, acompañadas por moita policía, xuntámonos para denunciar unha desas fronteiras interiores, neste caso falabamos das restricións que a Xunta lles impón ás persoas migrantes comunitarias á hora de acceder á RISGA.
Así, no manifesto lido polo compañeiro do FGI denunciabamos que demasiadas persoas migrantes comunitarias residentes na cidade, ás veces desde hai moitos anos e normalmente de nacionalidade portuguesa, non poden acceder á RISGA coa xustificación de non teren a “residencia legal”. Un requisito que fixa a nova lei de inclusión social e que desde a Xunta están a aplicar de modo restritivo.
Para a administración autonómica non abonda levar anos empadroado en Galiza e ser cidadán da UE, a maiores esixenlles ás solicitantes de RISGA que acrediten estaren inscritas no rexistro de cidadáns da UE. A inxustiza está en que para facer a inscrición en dito rexistro hai que ter emprego ou xustificar ingresos suficientes para residir no territorio español. Quedan así excluídas xusto as persoas migrantes que máis o precisan.
Por iso hoxe viñemos denunciar estes feitos e a rede de mecanismos institucionais que funcionan como fronteiras interiores ao promover a exclusión dunha parte da comunidade no acceso a dereitos fundamentais.
Ademais esiximos:
– o cese inmediato da persecución das persoas migrantes.
– a derrogación das políticas de estranxeiría españolas e europea.
– a posta en marcha dunha renda básica.

autoría: ODS, FGI e GAS

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *