O Test de Bechdel.

Nin vaca nin boiO pasado mes de novembro, o Instituto Sueco de Cinematografía introduciu un índice que permite que o público que acode ao cine saiba en que grao están representadas as mulleres na película que vai ver. O sistema baséase no test de Bechdel, que debe o seu nome á autora de banda deseñada estadounidense Alison Bechdel (Dykes to Watch Out For; en castelán, Unas bollos de cuidado, Egal, 2004).

O test de Bechdel consta de tres criterios que as películas deben satisfacer:

a) Que exista un mínimo de dúas personaxes femininas con nome propio.

b) Que manteñan entre elas como mínimo unha conversa.

c) Que nesa conversa falen dalgún tema que non teña que ver cun home ou cos homes.

Que unha película pase o test de Bechdel non quere dicir que represente ás mulleres dun xeito ou doutro; só que as representa en grao mínimo e cun mínimo grao de autonomía. Cómpre resaltar esa palabra: «mínimo». De feito, como sinalan en TVtropes1, é posible que pase a proba unha película misóxina e que non a pasen obras con vocación  feminista.

“Nas cen películas estadounidenses máis vistas no 2011, eran mulleres só o 11 % das personaxes protagonistas.”

O problema radica na frecuencia con que as películas non chegan a satisfacer eses criterios de mínimos e non tanto en que unha película en concreto pase ou non pase o test. Cóntase en The Guardian2 que a proporción entre personaxes femininas e masculinas nas películas de Hollywood máis vistas é de unha por cada dúas, e que esta proporción tense mantido sen cambios nos últimos sesenta anos. Asemade, cóntase que nas cen películas estadounidenses máis vistas no 2011, eran mulleres só o 11 % das personaxes protagonistas. Resumindo: faltan mulleres.

Entre as películas que non pasan o test están, por citar algunhas: o ciclo do Señor dos aneis, o ciclo de Star Wars, El secreto de sus ojos, Avatar, Wall-E, Das Leben Der Anderen, Gladiator, La vita è bella ou Reservoir Dogs. Das 4.536 películas rexistradas na base de datos bechdeltest.com3, non satisfán os tres criterios do test de Bechdel o 44,3 %.

En Nin Vaca Nin Boi gústanos ver cine, pero vos invitamos a botarlle unha ollada ao asunto do test de Bechdel. Tería sentido aplicar unha ferramenta similar no cine que vemos aquí?

Autoría Nin Vaca Nin Boi.ninvacaninboi.wordpress.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *