A finais de 1999 unha xoia do patrimonio histórico galego estivo a piques de desaparecer. O Bernardo Alfageme, un arrastreiro feito en Barreras en 1944 que foi un auténtico pioneiro da industria pesqueira galega, despois de 55 anos traballando no Gran Sol, Terranova e outros caladoiros “galegos”, estaba camiño do despezamento.
Afortunadamente a Asociación de Mariñeiros de Bouzas decatouse desta situación e artellou unha campaña que subscribiron outras 16 entidades: había que conservar esta peza de historia e reutilizala como “aula de pesca”.
Seguidamente, o propietario cedía o barco gratuitamente ao patrimonio municipal.
Dende entón a historia do Bernardo Alfageme é un rosario de despropósitos administrativos. Despois de moitos problemas para atopar o financiamento, en 2005, o Concello conseguiu 274.000 € dos fondos Feder da UE para restauralo arrastreiro exteriormente. O proxecto do Concello era situa-lo barco na entrada da lonxa do Berbés. Posteriormente, considerouse que sacar o buque do mar e colocalo nunha rotonda era absurdo, estábase a descontextualizalo e a minguar as súas posibilidades didácticas. Pero para este propósito o Concello atópase con dous “problemiñas”: Vigo non ten un só punto de amarre de propiedade municipal, non hai cartos para paga-lo amarre privado e facer unha nova restauración que asegure a súa navegabilidade.
En 2007 albíscase unha solución a estes problemas: asociar o Alfageme ao Museo do Mar. Pero isto suporía un gasto engadido ao da “restauración de navegabilidade” (valorada en 600 mil euros): ter que facer un novo peirao no Museo cun custo de máis de 300 mil euros.
Finalmente non houbo acordo de financiamento algún, nin Xunta, nin Autoridade Portuaria, nin Concello foron capaces de implementar proxecto ningún.
Hoxe en día o Alfageme está amarrado na dársena de Bouzas (cun custe de 9,3 €/día), sen uso e mantemento algún, facendo inútil os preto de medio millón de euros que xa investimos nel.
Sen dúbida, investir en patrimonio debe perseguir un único propósito: que nós e as xeracións vindeiras podamos gozalo.
Autor Uxío Reinoso