O 15 de maio do 2012 entrou en vixencia o tratado de libre comercio entre Colombia e EEUU, da man de grandes promesas de emprego e riqueza para o pobo colombiano. As consecuencias deste acordo non tardaron en deixarse notar. Unha das súas cláusulas, en concreto a 9.7’0, obriga aos agricultores colombianos a empregar semente certificada, especificando ademais que só serán sementes certificadas as producidas por Monsanto, Singenta e “Cía.”.
Claro que de todo isto non sabían nada os labregos colombianos, que fan o que levan séculos facendo: reservar parte da súa produción para sementar a vindeira colleita. O goberno colombiano actuou en consecuencia, acudindo con maquinaria pesada e coa forza policial a Campoalegre, destruíndo ademais 77. 000 kilos de semente. Labregos e secadores de gran, hoxe na ruína e na ilegalidade, saíron á rúa a protestar. O estudiantado, os traballadores sanitarios, os transportistas e outros sectores apoiaron as súas reivindicacions. O goberno disipou as manifestacións a tiros nun país que leva semanas de folga e ducias de líderes populares mortos; entrementres as FARC retomaron as armas. De todo isto soubemos grazas á cooperación sueca con fondos europeos. Seica estas noticias non interesan ás multinacionais da distracción masiva.
Tampouco interesa informar de como aquí en Galiza a xente de Quilmas resiste ao avance das piscifactorías, que contaminan o mar onde marisquearon dende sempre. A oposición destes veciños é efectiva, rendible e coordinada: crearon unha cooperativa para traballar as terras que os criadores de peixe pretendían mercar para ampliar o seu negocio.
“O lume provocado que arrasou máis de dúas mil hectáreas destruíu tamén este proxecto cooperativo de Quilmas, e abriu as portas á especulación co Pindo.”
O lume provocado que arrasou máis de dúas mil hectáreas destruíu tamén este proxecto cooperativo, e abriu as portas á especulación co Pindo, rico en diversos minerais. Non sorprendería que a Xunta conceda permisos de explotacións dos mesmos á empresas estranxeiras, coma fixo en Corcoesto.
Os estados non nos representan, os mass-media non nos informan. Aínda así, neste século que empeza escuro coma o ouro negro, hai esperanza mentres aqueles que aínda teñen algo que defender se organicen e sinalen a ruta para os pobos: vivir en harmonía co entorno e repartir solidariamente o traballo e os recursos.
Mais a esperanza pode ser amarga se ninguén acude á chamada.
Autor Juan Pablo Forti.