Cantas veces nos dixeron que o Estado garante os nosos dereitos sociais, sindicais, humanos…
Non fai falla ir moi lonxe para saber que é falso, que o único dereito que temos é o de ser pobres ou o de ser persoas obedientes e disciplinadas. Se non cumpres co teu dereito de cidadá/án obediente, ou cuestionas estes dereitos, acabáronse os teus anos como persoa que anda pola rúa en suposta liberdade.
E se na rúa nos golpea, nos humillan, nos enganan? Que acontecerá nas prisións? Onde se construíron altos muros de formigón, arames de espinas, cámaras de videovixilancia, portas automáticas, cristais blindados, camas de suxeición mecánica, galerías de illamento…
“A tortura practícase de xeito sistemático nos lugares de encerro que rexenta o Estado. Alí os dereitos humanos brillan pola súa ausencia.”
Acontece o que xa sabemos, o que moitas denunciaron, o que denunciou o Tribunal Superior de Dereitos Humanos de Estrasburgo: a tortura practícase de xeito sistemático nos lugares de encerro que rexenta o Estado. Alí os dereitos humanos brillan pola súa ausencia: nin educación, nin sanidade, nin liberdade de expresión ou pensamento. Falta o trato respectuoso e digno ás persoas. Os dereitos recollidos tanto na Declaración Universal como na Carta Europea, son simplemente papel, aínda peor, papel mollado que nin para acender un lume serven.
Nada temos que agardar dunha máquina que foi deseñada e ideada como forma de control da poboación. As Cartas, Constitucións… son maquillaxe que empregan para despistarnos, adornar un réxime de terror que ven de lonxe.
Nas cárceres, nas rúas, temos que cobrar conciencia de que somos pobo. Os lazos sociais comunitarios destruídos por un capitalismo salvaxe deben ser recuperados e as cidades tóxicas e as súas industrias reformuladas.
Rebelarnos e apoiar aos que se rebelan, construír solidariedade, derrotar a avaricia, o egoísmo individualista que fomenta o Capital é o camiño para fortalecer unha nova sociedade que xa existe hoxe en día na práctica subversiva, no amor anticapitalista.
SOLIDARIEDADE COAS PERSOAS PRESAS.
POLA DESTRUCIÓN DO CAPITAL E A SUA DOMINACIÓN.
Grupo de Apoio Galiza Sur á Campaña CÁRCERE=TORTURA.
Foto Emilio Ruiz
noestansolxs@gmail.com
http://www.carceligualtortura.org/