Contra a globalización alimentaria.

soberanialimentaria_1

Todo o tocante á alimentación preocúpanos (ou debería), xa que todo ser humano debe tomar auga e comida. A alimentación iguálanos a todos no nivel das necesidades. Moito máis nun mundo no que suceden evitables mortes por fame e sede mentres no mundo occidental a obesidade, a bulimia ou a anorexia pasan da anécdota ao problema.

Mais, aínda falando primeiro de quen come, que é o que están (estamos) a comer? A química permite crear unha casa de caroxetano coa cor e co sabor que desexemos e cada día aparecen novos problemas relacionados co emprego de antibióticos e pesticidas, cancros, etc. A industria alimentaria bombardea con sabores azucrados de simple dixestión, emprega a mercadotecnia para abrir novos nichos de mercado (como cando unha compañía decide identificar as súas pizzas como “a comida da avoa”),
cambia as dietas históricas segundo criterios economicos (o cambio do aceite de oliva polo de xirasol), consegue que un litro de leite lle saia máis caro ó consumidor ca un litro de viño (mentres os productores case morren de fame) e que case a metade dos prezos destes veñan dados por un envoltorio, o Tetrabrick, capaz de manter as ropiedades do líquido durante uns 500 anos (fabricados en exclusiva a nivel mundial por dúas marcas distintas: TetraBrick e TetraPack). No colmo, as multinacionais desembarcan nos sectores de “calidade”, coma os viños de denominación de orixe, para mesturar as uvas buscando o “estándar”, a pedra filosofal do mercado.

“O control dos sistemas alimentarios revélase como unha das maiores necesidades xeoestratéxicas da actualidad”

O control dos sistemas alimentarios revélase como unha das maiores necesidades xeoestratéxicas da actualidade. Nun modelo proveniente da época colonial, os grandes monocultivos con vistas á exportación substitúen día a día a agricultura de subsistencia. Millóns de persoas viven en exclusiva de productos coma o café, o cacahuete ou o plátano. Mentres, no mundo occidental a alimentación prodúcese de xeito industrial, en cadea, xerando novos e sorprendentes efectos, que van dende o malestar ético producido por granxas de polos de excesivas similitudes con campos de exterminio, ás críticas ante a calidade de carnes adulteradas, hormonadas e sufridoras de misteriosos efectos liliputienses ao ser botadas na tixola.

soberanialimentaria_2

Asistimos tamén impertérritos a unha das loitas deste século: o control pola auga. As grandes multinacionais da alimentación desembarcan no mercado da auga embotellada coa vista posta na privatización e na posterior desaparición das redes de abastecemento públicas. Mesmo xa sen recato venden esta mesma auga da billa embotellada a cincocentas veces o seu valor orixinal para o consumidor.

“O debate sobre os transxénicos é levado polos medios de comunicación ao terreo das cuestións científicas, desviando a cuestión da realidade: a loita pola posesión do planeta.”

O debate sobre os transxénicos é levado polos medios de comunicación ao terreo das cuestións científicas, desviando a cuestión da realidade: a loita pola posesión do planeta. Se ben se pode discutir sobre os riscos e beneficios de, por exemplo, un arroz que necesite de menos auga, a cuestión de fondo é o rexistro como patentes destas melloras, e a súa protección polo sistema nunha escala similar á empregada pola industria farmacéutica. Non hai moito, un campesiño denunciou a multinacional Monsanto por contaminar o seu campo con transxénicos e a xustiza obrigouno a pagarlle á compañía polo emprego de sementes patentadas. Malia que fose contra á súa vontade. O negocio de cobrar por toda a comida da humanidade é demasiado tentador, o exemplo farmacéutico demasiado evidente, os mecanismos de presión demasiado engraxados.

O terceiro mundo reclama como xustiza que o mundo occidental acabe coas subvencións á súa agricultura e que lle abra as súas fronteiras aos seus produtos.
Xa que eles teñen as súas abertas aos nosos produtos, din, nós debemos facer o mesmo. E razón non lles falta, mais, que será dos millóns de agricultores europeos? Nos USA o mercado está  dominado polas grandes compañías, mais non é así en Europa. Onde queda a soberanía alimentaria? Como garantir a supervivencia se a alimentación depende de grandes empresas productoras, manufacturadoras, transportadoras, cos seus propios intereses e dinámicas? Como responder a un lock-out, a un peche patronal, a un boicot por razóns políticas, por exemplo? O control sobre o petróleo parecería benévolo fronte a un control deste tipo sobre os fluxos alimenticios.

Quizais o único necesario sería o que os romanos chamaban o menos común dos sensos: o senso común. Mais isto é a historia da humanidade, en tantas ocasións empeñada en non usalo.

Utopía foro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *