Oposición ao dereito dun pobo a expresar a súa opinión como defensa da liberdade e a democracia; prohibición de manifestacións para facer respectar a liberdade de todos; privatización da sanidade para asegurar o dereito á asistencia médica universal; eliminación de bolsas e peche de escolas como máxima expresión da garantía de acceso á educación e, desde logo, intervencións militares, ataques e bombardeos á poboación civil feitos pasar por intervencións humanitarias. A perversa manipulación da linguaxe levada a cabo polo poder, para vendernos as cousas polo contrario do que son, non ten límites, confiando quizais na máxima de que unha mentira mil veces repetida, convértese en verdade.
É evidente que, igual que talar un bosque evita que arda nun incendio, bombardear e matar a poboación civil nun “ataque lóstrego” evita que sufran unha guerra. Agora ben, é unha solución que non consideramos aceptable, e moito menos “humanitaria”.
Pero en todo caso, sabemos que, ao igual que en Afganistán ou Iraq, están moi lonxe de ser os motivos humanitarios os que moven a actuación dos Estados Unidos e os seus aliados. Siria ten un papel clave no mapa enerxético e xeoestratéxico mundial, ademais de poder ser considerada como un “exemplo” a través do que enviar unha mensaxe a outros “inimigos”, como o veciño Irán.
“Denunciar e oporse ao ataque liderado polos Estados Unidos e apoiado pola OTAN non significa aliñarse no bando do goberno de Siria, senón no do seu pobo.”
Ora ben, denunciar e oporse ao ataque liderado polos Estados Unidos e apoiado pola OTAN ou os seus integrantes -entre eles o Estado español- non significa aliñarse no bando do goberno de Siria, senón no do seu pobo. Un pobo que conta xa con milleiros de persoas mortas e desaparecidas e, segundo algunhas fontes, máis dun millón de desprazadas a causa da represión desatada tras as protestas da primavera de 2011 e o posterior estado de conflito armado. Un conflito no que, desde logo, xogan un papel crucial as potencias internacionais, fundamentalmente os propios Estados Unidos.
Esiximos, polo tanto, que o estado español retire o seu apoio á intervención en Siria, que esta non se leve a cabo e que remate o apoio internacional á guerra interna nese país, sexa en forma de venda de armas ou calquera outra.
E lembramos que só a loita continua contra o militarismo e as estruturas físicas, políticas, económicas e ideolóxicas que o manteñen, nos permitirá evitar novas guerras.
Autoría: Grupo de Axitación Social.