Que son os Dereitos Dixitais?

Son os dereitos das persoas que se relacionan coa realización de accións lexítimas que comprenden o uso dunha computadora, todo tipo de dispositivo electrónico, ou unha rede de comunicacións. Relaciónase coa protección e cumprimento de dereitos existentes (dereito á privacidade, liberdade de expresión e información,…) no contexto das novas tecnoloxías dixitais.

“Dende mediados dos anos 90 hai un debate entre as persoas partidarias e opostas a regular internet”


Como se orixinan?
As novas tecnoloxías da información e a comunicación son hoxe unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento e a organización social, política e económica. Aínda que internet aparece en 1969, non será ata os anos 80 que se dean diferentes procesos que buscan a reflexión, debate e acotación lexislativa dos dereitos e deberes ao redor de internet. Dende mediados dos anos 90 o debate centrarase entre as persoas partidarias de regular internet e as partidarias de non regulala. Pero será co inicio do s. XXI cando este proceso se acelere e se empecen a conformar os marcos normativos (por exemplo, a ONU recoñecerá no ano 2011, o acceso a internet, como un dereito humano) así como a consolidar as diversas loitas entre grupos con olladas confrontadas (seguridade vs. liberdade; negocio vs. ferramenta aberta; propiedade intelectual vs. cultura aberta;…).

viñeta linuxViñeta de Duncan Hill:

HAI UNHA ACTUALIZACIÓN DISPONIBLE PARA O TEU ORDENADOR;

LINUX “Guay, máis cousas gratis!“; WINDOWS “Outra vez non!“; MAC “Ooh, só 99 dolares“

Cal é a súa problematica?
Internet é un novo espazo no que se establecen novas relacións sociais, políticas e económicas. Os seus principais problemas son:
– Fenda Dixital: Refírese á diferenza na accesibilidade a internet, e ás novas tecnoloxías da información e a comunicación, que se dá entre comunidades. A fenda dixital ataca directamente ao dereito de acceso a Internet (dereito humano que posúe toda persoa para acceder a Internet coa fin de poder gozar e exercer os seu dereitos de liberdade de expresión, de opinión e outros dereitos humanos fundamentais). Norte América (87,7%), Oceanía (72,9%) e Europa (70,5%) ocupan as posicións onde a penetración de internet na poboación é maior. Fronte a eles atópanse Asia (34,7%) e África (26’5%)1.
– Censura: Proceso a través do cal os gobernos ou outros grupos desenvolven diferentes procedementos para poder controlar ou suprimir determinados contidos de internet como a disidencia, a resposta social ou a difusión de contidos que afectan ás clase de poder,

“A comercialización de datos move 100.000 millóns de dolares ao ano”

– Privacidade: As grandes empresas e os gobernos controlan a información que posúen as usuarias de Internet, interactuando por medio de diversos mecanismos en liña a través dos que pode analizar, capturar e intercambiar datos privados dxs usuarixs. A comercialización de datos move 100.000 millóns de dólares anualmente.2
– Dereito ao esquecemento: Dereito que ten o titular dun dato persoal a borrar, bloquear ou suprimir información persoal que considera obsoleta, inapropiada ou que dalgún xeito restrinxe o libre desenvolvemento dalgún dos seus dereitos fundamentais.
Cales son as loitas activas?
Como reacción ao contexto de crecente limitación de dereitos, atópanse diferentes movementos que buscan defender, recuperar ou avanzar sobre os dereitos na rede. Estes pódense clasificar en:
– Open source. Son movementos dedicados a defender os sistemas de código aberto e/ou compartido.
– Defensa da privacidade. Actúan contra as políticas que permiten obter de información electrónica de cada usuarix.
– Anticomerciais. Movementos que actúan contra o spamming e contra o uso comercial dos datos persoais dxs usuarixs.
– Liberdade de expresión. Buscan xerar marcos de protección da liberdade de expresión.
– Decodificación. Amósanse a favor da encriptación  e néganse a que se estableza ningún tipo de normativa que obrigue a poñer o código dispoñible.
– Divulgación do coñecemento. Buscan a difusión e divugación de contidos culturais, científicos e educativos, a través dun acceso universal e de espazos compartidos.
– Transparencia. Movementos que pretenden que a información dos entes gobernamentais e privados publiquen a súa información interna.

 

Notas:

1Datos de World Internet Users, 2014: http://www.internetworldstats.com/stats.htm
2 Datos publicados no estudo da consultora Roland Berger.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *